Xa están dispoñibles os vídeos de 24 horas galego fullscreen
24 horas galego fullscreen, o concurso de vídeos de GalegoLab, abre o prazo de votación para que o xurado elixa o gañador, que se prolongará ata o vindeiro 17 de marzo. Os filmes participantes están xa dispoñibles en eufalo.tv.
24 horas galego fullscreen buscou, á vez que estimulaba a creación artística, promover o uso da lingua galega a través da elaboración de vídeos, de cinco minutos de duración como máximo, nos que os participantes relataran como é para eles un día en galego.
Para promocionar esta idea buscouse entre os usuarios de GalegoLab, dunha banda, a unha persoa que deseñara un cartel promocional e, posteriormente, vinte voluntarios que imprimiran e colocaran dez carteis cada un por distintas partes da xeografía galega.
Conseguido isto, o crowsourcing (achega de recursos e traballo por parte dun gran número de persoas) posibilitou que se xuntaran tamén 300 euros para o premio final que levará o vídeo gañador.
Un xurado popular (integrado por seis usuarios) outorgará unha das serigrafías deseñadas por Antón Patiño para GalegoLab. Doutra banda, un comité de expertos decidirá quen leva o premio en metálico. Este estará composto polo actor Luís Tosar, a actriz María Bouzas, o actor e presidente da Academia Galega do Audiovisual Xosé Manuel Olveira, “Pico”, e a produtora Emma Lustres, de Vaca Films (responsable, entre outros, da aclamada Celda 211).

